Archivos de etiquetas: Comercio TEC

Economía promove a innovación e o uso das TIC como pezas clave para a mellora do comercio galego

A directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, participou no acto de apertura da xornada de presentación de resultados de Comercio TEC, un proxecto orientado a incrementar o uso e a implantación das novas tecnoloxías no sector do comercio en Galicia

”A innovación e a incorporación das novas tecnoloxías no sector comercial son as pezas clave para a mellora da xestión comercial e son tamén elementos que repercuten no incremento das vantaxes e dos beneficios económicos”, segundo sinalou a directora xeral de Comercio, Nava Castro Domínguez, durante a apertura da xornada de presentación de resultados de Comercio TEC, celebrado onte en Vigo.

O proxecto Comercio TEC é unha iniciativa da Fundación Caixanova, coa colaboración da Asociación INEO, que está financiada a través dos fondos FEDER e mais da Consellería de Economía e Industria, a través do IGAPE. O seu obxectivo é incrementar e optimizar a competitividade das pemes do sector do comercio a través da incorporación da Tecnoloxía de Información e da Comunicación (TIC), e nace como resultado dun diagnóstico estratéxico do sector comercial galego elaborado polo Instituto de Desarrollo Caixanova. Entre algunhas das barreiras detectadas neste estudo destacan a escasa información sobre a necesidade de acceso e as vantaxes das novas tecnoloxías e o déficit nas infraestruturas básicas de acceso a internet en comparación coa media da Comunidade Europea.

“Cómpre que os comerciantes sexan conscientes do amplo abano de oportunidades que a sociedade da información e as novas tecnoloxías lles ofrecen á hora de desenvolver a súa empresa”, indicou a directora xeral. Neste sentido, explicou que a incorporación das TIC ao sector comercial constitúe unha das liñas de actuación principais do plan Ágora, Agora Recomercia, “un ambicioso paquete de medidas estratéxicas da Consellería de Economía e Industria para impulsar o progreso e a innovación do comercio de proximidade en Galicia ata o ano 2012”. De feito, un dos principais eixes de actuación deste plan é a mellora da competitividade do comercio de proximidade a partir da modernización do comercio para incrementar a atracción comercial, o fomento da innovación, o impulso da profesionalización do comercio a través de políticas de formación e mais o desenvolvemento de liñas de axuda dirixidas á incorporación das novas tecnoloxías da información e da comunicación.

Neste sentido, a través da Dirección Xeral de Comercio, no ano 2009 concedéronse máis de 2 millóns de euros para 1.019 subvencións para a adecuación dos establecementos comerciais ao seu contorno competitivo. Por outra banda, tamén se convocaron axudas para a creación de redes de comunicación para a posta en funcionamento de plataformas que faciliten a interconexión entre os comerciantes e o comercio electrónico, nas que se investiron máis de 180.000 euros e resultaron beneficiadas 49 asociacións de comerciantes.

A Consellería de Economía e Industria considera que o comercio desempeña un papel fundamental no desenvolvemento económico, social e turístico das nosas vilas e cidades, polo que está a deseñar liñas de actuación que contribúan ao progreso e á modernización do pequeno comercio en Galicia. É por isto que tanto o proxecto Comercio TEC, que se apoia dende a Consellería, como as liñas de actuación do goberno galego teñen como base o impulso á introdución das Tecnoloxías da Información e da Comunicación na cadea do comercio, facendo un esforzo na información e na formación dos profesionais do sector. “Estamos convencidos de que o proxecto Comercio TEC será de grande utilidade para acadar que o comercio galego sexa un símbolo de calidade, de competitividade e de innovación”, sinalou a directora xeral de Comercio durante o acto.

Fuente: Xunta de Galicia

PAZO DE MEIRÁS

Resúmenes de Sada Digital

Sada Digital

Crónicas de la Villa

A %d blogueros les gusta esto: