Archivos de etiquetas: Mostra itinerante

O conselleiro de Cultura e Turismo reivindica o legado intelectual de Ramón Piñeiro e o seu “espírito de apertura e labor inesgotable en tempos difíciles”

Roberto Varela destaca que Ramón Piñeiro “soubo ollar ao seu redor, ir máis alá e intuír no horizonte a figura dun grande espazo común de pensamento e convivencia ao que chamamos Europa”

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela inaugurou esta mañá no Museo do Pobo Galego a exposición “Olladas no futuro”, dedicada a figura do literato Ramón Piñeiro ao que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Roberto varela gabou “espírito de apertura, fraterno e ambicioso, ao que Ramón Piñeiro soubo dar continuidade coma ningún outro coa súa labor inesgotable en tempos difíciles”, así como reafirmou que “permanece vivo o seu legado literario e intelectual”.

O titular do departamento fixo mención en máis dunha ocasión a esta figura colosal de Ramón Piñeiro, aseverando que “a súa foi unha vida dedicada con paixón á defensa da nosa lingua e a nosa cultura, na que soubo ollar ao seu redor, ir máis alá e intuír no horizonte a figura dun grande espazo común de pensamento e convivencia ao que chamamos Europa”.

Segundo o responsable de Cultura e Turismo, os contidos da mostra de Ramón Piñeiro “achegan de forma extraordinariamente vívida a súa figura, o seu espírito e a súa sabedoría fondamente galega.” Roberto Varela salientou tamén da exposición a “vocación honesta e convencida de divulgar e difundir, unha compoñente didáctica que nace sempre do entusiasmo polo coñecemento” e destacou a “capacidade sintética e riqueza de contido que ofrece unha mirada integradora, rica e complexa sobre a figura de Ramón Piñeiro.” O conselleiro de Cultura e Turismo aproveitou a ocasión para reivindicar a necesidade de “máis exposicións que mostren o noso patrimonio histórico, arqueolóxico, artístico e intelectual e que trasladen ao público galego e visitante a grandeza do noso pasado e a nosa memoria.”

No seu discurso o conselleiro agradeceu a presenza e as verbas do que cualificou como herdeiro de Piñeiro, Víctor Freixanes e dos intelectuais, Isaac Díaz Pardo e Aníbal Piñeiro, aos que definiu como “a memoria viva da nosa historia”.

Mostra itinerante

Intelectual, político, escritor e unha das figuras históricas do galeguismo durante o século XX, clave para conseguir a continuidade da nosa cultura tras a Guerra Civil Española. Como intelectual, foi un dos fundadores e primeiros directores da editorial Galaxia e da revista Grial. A principal actividade de Ramón Piñeiro foi a de intentar despoxar o galeguismo da súa compoñente política para centralo no seu compoñente cultural. Neste sentido, apelou á saudade, a paisaxe e o humor como fundamentos da identidade dos galegos e esencia de Galicia.

Coa inauguración de hoxe en Santiago da exposición sobre Ramón Piñeiro completase o percorrido polas sete cidades galegas dunha mostra que recorda a un dos intelectuais máis destacados da nosa cultura. Os comisarios da mesma son Henrique Monteagudo e Carlos Fernández. A exposición consiste nun percorrido pola vida e obra de Piñeiro, adornado con imaxes e citas dos feitos históricos máis importantes da nosa historia e que rodearon a figura do escritor. Nesta mostra preséntanse escritos, cartas, fotografías e efectos persoais do intelectual, nun afán de honrar unha vida de dedicación e loita pola cultura e o idioma galegos. Asemade, un espazo da exposición recrea a emblemática mesa braseiro pola cal pasaron moitos dos persoeiros máis destacables da cultura e política galegas.

Fuente: Xunta de Galicia

PAZO DE MEIRÁS

Resúmenes de Sada Digital

Sada Digital

Crónicas de la Villa